segunda-feira, 7 de julho de 2008

Corre a modo


Cesare fai no seu blogue a segunda lectura crítica da novela, que transcribo deseguido:

"Dime un bo conselleiro: tes que lelo. E entre a viaxe no avión e estas últimas horas alí a vai, unha novela moito máis ca fabulosa: Festina lente, de Marcos S. Calveiro. Algo enredante no principio, faise máis lixeira e cativadora conforme a acción pasa ao primeiro plano e se desviste desas roupaxes de contextualización que a pexan un pouco. As aventuras do encadernador Ambrosio Cavaleiro, a fala dos arxinas e a Compostela do XVI encaixan perfectamente no marco desa ficción sobre o pasado europeo que levamos anos lendo e ulindo. É esta unha novela pra traducir, pra exportar, que se pode vender nas librarías de Copenhague como se fora un código da vinci (en bo), coma un pequeno nome da rosa. Incluso ten un fermosísimo final, que releo sen fartura, e que dá pra unha segunda parte ou unha terceira do manuscrito de tres serpes unidas polo baixo, na historia de todas as épocas, adiante e atrás. Algunhas pegas hai, claro, en nomes de lugares, na falta dun mapa da compostela da época, nunha páxina demasiado chea de franciscos ou nun lavanco que cae do niño cando os lavancos fan os niños ao ras. Ou que nunha novela de encadernadores, o último caderniño se me despegase. Pero se eses son os males, moita é a bondade."

5 comentários:

Anónimo disse...

Para arrimarlle outra tacha coma a de que se despegue a folla, falta, se non lembro mal, a data da saída do prelo e as características tipográficas. He, he. Por tocar, máis ca nada.

folerpa disse...

Non é esa mala día, arume, pero xa sabe que as editoriais non están para dispendios. Leva razón que un colofón tería quedado moi ben, mais penso que como obra aberta que é esta cita final do códice os arxinas dáme a posibilidade de retomar a historia dentro de dez anos...

Anónimo disse...

Quizais lle interese:
http://www.elcorreogallego.es/index.php?idMenu=3&idNoticia=322280

Anónimo disse...

Teño un agasallo para vostede, amigo Folerpa. Onde é que llo podo deixar?

folerpa disse...

Grazas polo enlace, Cesare, abofé que me interesa.