quarta-feira, 23 de julho de 2008

Fortuna audaces iuvat.


Arume fai no seu blogue a cuarta lectura crítica de Festina lente, deixovos deseguido un anaco do seu texto:

"Rematei Festina lente. O libro de Marcos S. Calveiro perseguíame desde que Folerpa, desde o seu blog Alfaias, o anunciara de xeito enigmático. O vello lema da moeda augustea, coa figura dun golfiño e unha áncora, que figuraba ademáis no Hypnerotomachia Poliphili e que adoptou Aldo Manuzio como empresa do seu prelo, estimulado polo aprezo de Erasmus quen gustaba moito da súa ensinanza moral, “bule a modo”, semellaba interesante reclamo. Anunciábase ademáis como unha narración de natureza histórica, cun encadernador nunha inventada Compostela de finais do século XVI e comezos do XVII como protagonista. Malia as miñas prevencións sobre iso que damos en chamar novela histórica, o libro, alicerzado por unha intriga prometida nos paratextos, parecía seductor. A lectura furtiva nunha librería dos primeiros capítulos logrou engaiolarme de vez.

A historia de Ambrosio Cavaleiro, que así se chama o personaxe central desta novela, está escrita por un narrador en terceira persoa, que, por veces amosa a súa omnisciencia de xeito explícito. A documentación histórica aducida, que por moi fidefacente que puida resultar, sempre remata por ser ficticia, está presentada cunha distancia crítica máis propia do historiador ca do narrador de invencións. Intervén no propio proceso de escrita, nun acto leve de metaficción, como cando adianta ao tempo presente (páxina 37) o resultado das indagacións históricas. Esta decisión, xunto co emprego do presente histórico, supón unha distancia narrativa moi interesante, que permite engarzar o tempo interno do protagonista co descurrir cronolóxico da época.

Porque a historia recolle a vida dun mozo, nado no esteiro do Eume (coma o Lazarillo nace ao lado do río: a referencia á novela anónima non é gratuita dado o carácter do libro como relato de aprendizaxe), que deixa a súa familia para pasar a ser axudante de encadernador nunha especie de Compostela postridentina. 1578 é a primeira data; 1627, a derradeira. A vida enteira deste home que vive e obra na rúa d’Armada, no corazón dunha cidade amurallada chamada Santiago. O tempo é o da Inquisición revelada coma instrumento de control non só doctrinal, senón tamén ideolóxico. Aparecen, como telón de fondo inevitable, o erasmismo (o propio Cavaleiro le no seu obradoiro os libros do Index onde late aínda a crítica relixiosa, o cerne da libertade), Lutero, os modos da herexía condenada polo catolicismo militante, as formas de feiticería (coa queima de bruxa portuguesa na praza do Campo ou a sombra dubidosa dun lobishome), a escravitude (nun dos capítulos máis brilantes do libro) ou as reas de fanáticos amadores de lumes eternos..."

1 comentário:

Anónimo disse...

A ver se lle gusta isto que atopei entre os Fragmentos da Galaxia.