segunda-feira, 16 de junho de 2008

Os escenarios

Sempre pensei en que a novela tiña que comezar nun escenario especial, coa maxia que o relato precisaba. Manexei varias opcións da nosa xeografía, todas elas referidas a sitios míticos unidos ás lendas e crenzas da nosa cultura popular.

Pensei primeiro no monumento de Santalla de Bóveda, un dos lugares máis misteriosos e estraños que coñezo. Nin sequera os expertos se poñen hoxe moi de acordo sobre que era na súa orixe e para que se empregaba: ancestrais ritos pagáns, ninfeo, templo priscilianista, pois a súa cristianización furtoulles moitos datos para que descifren os seus moitos arcanos. Mais abandoneino, xa que me parecía escenario de mais, só el merecería unha novela enteira. Deseguido matinei en Santa Mariña de AugasSantas, outro lugar milagreiro arrodeado de misterio, pero desboteino tamén.

Ao cabo, decidinme pola Igrexa de Santa María a Nova, en Noia, co seu extraordinario camposanto ateigado de laudas gremiais, co seu baldaquino e co seu tímpano policromado que se describen no primeiro capítulo do libro. Tiña na cabeza o recordo das miñas visitas de hai anos e axudeime tamén desta magnífica monografía editada por Toxosoutos.

Logo por suposto estaba Santiago, pero diso falarei noutra anotación, e Pontedeume, patio de lecer da miña infancia, do que tamén falarei outro día.

segunda-feira, 9 de junho de 2008

Primeira crítica


Primeira lectura crítica de Festina Lente por
Ramón Nicolas esta fin de semana no Culturas da Voz
.