Preguntábame o outro día Manolo Bragado: e Ambrosio Cavaleiro que comía? Respondendo a súa pregunta vai deseguido a relación dalgúns dos produtos que se podían atopar daquela nos mercados e negocios de Compostela, tomados das ordenanzas do Concello sobre as taxas e prezos públicos dos bastimentos da cidade do ano do Noso Señor de 1579:
-peixes: ollomol, pescada, congro, sanmartiño, panchos, abadexo, bogas, xarda, polbo, luras, raia, atún, lagostas e ostras
-Carnes: vaca, castrón, lebre e carneiro.
-Queixo castelán, de Flandres e de Inglaterra
-Pluma: arceas, capóns, perdigóns, galiñas, tordos, merlos, polos e parrulos.
-Arroz, garavanzos, azucre da illa de madeira e do Brasil, cravo, canela, castañas, azafrán, pementa, améndoas, mel, ovos, touciño, sal e aceite.
Como veredes a dieta era do máis variada, para aquel que puidese pagala. Algúns dos prezos para que poidades comparar eran: a libra de vaca a 9 marabedís, a de arcea a 12, a de garavanzos a 12, a de congro a 10, a de polbo a 6, a onza de pementa a 15 e a de canela a 25.
Sorprende a ausencia na relación dun produto hoxe case consubstancial coa nosa cociña, pero que daquela aínda case non se cultivaba nas nosas leiras. Tivo que ser tras o seu éxito culinario en Francia cando entrou nas nosas mesas. A primeira referencia que hai sobre o cultivo da pataca en Galiza é do ano 1607, no que xa foran sementadas no Mosteiro dos franciscanos de Herbón, a quen lles debemos tamén os seus pementos, cuxa semente trouxeron dende México uns compañeiros de orde no século XVI. Non foi ata a grande crise dos cereais a mediados do século XVIII cando a fame fixo que os labregos comezaran a comela e cultivala, malia os grandes prexuízos que había cara ao consumo da bela americana, como a chamaban, e da que por certo celebramos neste 2008 o seu ano.
5 comentários:
Así que na Compostela do XVI se comía queixo inglés... que interesante. Ten razón: que sería de nós sen as patacas! Canta fame aliviaron e canto ben fixeron!
Aproveitando, parabéns pola novela: arxinas, lavancos e encadernadores acompañáronme unhas boas horas destes días pasados.
Borralleira, a min tamén me estrañou o do queixo inglés , pero así ven nas ordenanzas do Consistorio daquela.Non sei se indica a súa orixe ou se é unha referencia ao tipo de queixo. Descoñézoo.
Grazas polos parabéns e alégrome desas boas horas que te fixen pasar. Unha aperta.
E logo tampouco comían porco? Ou é que non chegaba á praza de Santiago?
Bonita anotación.
Anónimo, nas ordenanzas non figura referencia ningunha ao porco e os seus derivados. Supoño que o seu prezo non estaría controlado polo Consistorio xa que calquera tiña un nun cortello na casa para o autoconsumo.
Quedoulle bonito (como o libro, por outra parte).
Enviar um comentário