segunda-feira, 16 de junho de 2008

Os escenarios

Sempre pensei en que a novela tiña que comezar nun escenario especial, coa maxia que o relato precisaba. Manexei varias opcións da nosa xeografía, todas elas referidas a sitios míticos unidos ás lendas e crenzas da nosa cultura popular.

Pensei primeiro no monumento de Santalla de Bóveda, un dos lugares máis misteriosos e estraños que coñezo. Nin sequera os expertos se poñen hoxe moi de acordo sobre que era na súa orixe e para que se empregaba: ancestrais ritos pagáns, ninfeo, templo priscilianista, pois a súa cristianización furtoulles moitos datos para que descifren os seus moitos arcanos. Mais abandoneino, xa que me parecía escenario de mais, só el merecería unha novela enteira. Deseguido matinei en Santa Mariña de AugasSantas, outro lugar milagreiro arrodeado de misterio, pero desboteino tamén.

Ao cabo, decidinme pola Igrexa de Santa María a Nova, en Noia, co seu extraordinario camposanto ateigado de laudas gremiais, co seu baldaquino e co seu tímpano policromado que se describen no primeiro capítulo do libro. Tiña na cabeza o recordo das miñas visitas de hai anos e axudeime tamén desta magnífica monografía editada por Toxosoutos.

Logo por suposto estaba Santiago, pero diso falarei noutra anotación, e Pontedeume, patio de lecer da miña infancia, do que tamén falarei outro día.

segunda-feira, 9 de junho de 2008

Primeira crítica


Primeira lectura crítica de Festina Lente por
Ramón Nicolas esta fin de semana no Culturas da Voz
.

terça-feira, 27 de maio de 2008

Hoc incipit

A historia comezou alá polo ano 2005, creo que antes do verán, cando anotei no nun folio solto unha frase ben curta:

“Un diario íntimo dun encadernador do XVI, en Santiago ao xeito de Quignard”

Hoxe, tres anos despois, o resultado, que está en todas as libarías do país, quedou moi lonxe daquela sinxela idea inicial. A miña intención era facer unha nouvelle como a marabillosa Terrasse a Rome de Pascal Quignard, libro ao do que estou prendido dende que se publicou en castelán hai anos e que recomendo arreo a todo o mundo, pero case ninguén comparte o meu entusiasmo e devoción por el. Outra refrencia na que pensei era Seda, de Baricco, pero este libro caúsame máis dúbidas, hai veces que penso que é mágnifico na súa simpleza e lirismo, e outras que é un chisco trampón e choromiqueiro.

O guión era sinxelo: tiña o personaxe, a data e o lugar, só quedaba comezar. Tería que ser un diario en primeira persoa, no que o encadernador contaba a súa vida enteira, dende os seus tempos de aprendiz aos seus derradeiros días, anotacións soltas do devalar dos seus días. O título provisional foi Libro das horas de Ambrosio Cavaleiro como escribín na cuberta do caderno de notas que preparei.

Tiña tamén claro que o protagonista tería un aquel de misantropía. Desencantado e pechado no seu obradoiro, arrodeado de papelorios, códices e libros, vía o transcorrer da vida tras da fiestra do seu taller, sen intervir, coma un mero cronista ou observador dos actos infames dos demais. As pegadas desa idea primixenia podédelas albsicar aínda no libro, os capítulos das páxinas 123, 129 e 142, que foron dos primeiros textos que escribín.

O malo das ideas e que sempre se nos torcen, eu penso que neste caso foi para mellor. A min pasoume cando, para meter nas confesións do meu encadernador algunhas pinceladas históricas, comecei a documentarme... Aí morreu o diario e naceu Festina Lente e a música comezou a soar...