Manuel Rodriguez Alonso fai unha nova crítica no Cartafol de libros da que saco un parágrafo:
Primeiro acerto é que a vida do Imperio non se reconstrúe desde a figura dun soldado fanfarrón, como fai o académico Pérez Reverte, co seu fachendoso, machista e casticista Alatriste. O protagonista é un artesán encadernador, que ama os libros e non só o seu exterior, senón tamén o que conteñen. A través disto damos o doado salto cara ao comercio dos libros prohibidos pola Inquisición, que non obstante, os espíritos inquedos buscan, xa que entran polos portos de Noia, Baiona ou A Coruña. Mágoa que moitos dos nosos rapaces sigan tendo a visión desta etapa do Pérez Reverte e o seu casticista Alatriste, por máis que Steiner, os de Babelia, Galicia bilingüe, o Circulo Financeiro, a COPE, El Mundo… falen da superioridade da cultura en lingua castelá. A novela non presenta unha Galicia rural, foxe do tópico ruralista de Nós e mesmo cunqueireano, que tanto dano nos ten feito. Estamos ante unha Galicia urbana, de artesáns e intelectuais, que buscan as novidades bibliográfica que a Inquisición persegue. Non é unha Galicia pechada sobre si mesma e sen contacto co exterior, como pretenderon os ideólogos dos Austrias desde Filipe II, senón unha Galicia aberta cara ao exterior, a Europa, á modernidade, pero non a través de Madrid nin tan sequera do castelán, senón a través do Atlántico, dos portos de Noia, Baiona ou Vigo que comercian coa Europa progresista e que traen os novos libros da nova ciencia e da nova filosofía, que, por certo, tampouco están escritos en castelán. A novela, coa sua estrutra de novela de aprendizaxe, resulta de doada lectura. A mestura de personaxes e feitos reais cos históricos tamén é en xeral acertada e mesmo pedagóxica (o pergamiño Vindel, os mestres de obras composteláns…). A intriga do libro cos segredos dos canteiros resulta así mesmo atractiva, así como o seu desenlace. Fronte ao casticismo españolista de gabanza das empresas bélicas imperiais aparece doadamente tratado o tema da Armada Invencible e a carestía de alimentos e provisións de todo tipo que produce en Galicia. É de novo a intrahistoria, a historia miúda, fronte á gradilocuencia dos grandes feitos bélicos. A homosexualidade do protagonista permite ver a intransixencia cruel da Inquisición con este colectivo. Non falta tampouco a ironía ilustrada sobre as supersticións e está moi ben logrado neste sentido o episodio da caza do lobishome.