segunda-feira, 27 de abril de 2009

Nihil obstat


Pincha para lela.

terça-feira, 13 de janeiro de 2009

O salto do golfiño



O poeta Xulio López Valcárcel fixo esta recensión no Ideal Gallego do pasado día 28 de decembro de 2008.

quarta-feira, 10 de dezembro de 2008

Unha lectura amena e substanciosa



No ultimo número da revista Grial, Dolores Vilavedra fai unha boa crítica da novela da que entresaco estes parágrafos que teño interese en comentar:

“Libros como Festina Lente traen de novo ao debate literario a cuestión da lingua. Xulgado por certos sectores como obsoleto a valor filolóxico dos textos literarios como criterio de calidade, obras como esta son unha das poucas ocasións que a nosa literatura actual nos ofrece para gozar co noso idioma. Explotando ao máximo as posibilidades creativas que este ofrece, beireando o difícil equilibrio entre un rexistro que, sen ser arcaizante connote temporalmente a historia narrada...”

Sempre dixen que como calquera outro artesán, o escritor debe coidar das súas ferramentas. As miñas son a palabras e tento coidalas ao máximo, como o meu bisavó facía cando construía vapores no esteiro do río Covés. Penso que é a miña responsabilidade, primeiro comigo mesmo como autor e logo cos lectores.

“Quizais o afán do autor por non estender en demasía o relato explica que algúns fíos argumentais se desenvolvan con certa precariedade...”

Realmente o problema foi o contrario, como xa dixen a novela chegou a ser un polbo de xigantescos raxos e cando a tiven que servir no prato cortei de máis algúns deles. Quizabes hoxe, se tivese que montar de novo a novela, habería cousas que quedarían fóra e metería outras que se caeron no ultimo momento. Foi a miña decisión naquel intre e teño que recoñecer que nalgún caso me trabuquei.

“A construción fragmentaria do discurso xógalle ao autor algunha mala pasada ,pois fai que non repare en que os parágrafos que abren os episodios que empezan nas páxinas 225 e 237 sexan case idénticos e que ambos rematen coa mesma frase.”

No foi esta unha mala pasada, fíxeno de xeito consciente, pois nestes capítulos en que Ambrosio e Patricio Sinot conversan tentei imitar a estrutura paralelística daqueles libros de diálogos renacentistas e barrocos. Quizabes non quedou demasiado claro o xogo; outra pedra máis no meu tellado.

terça-feira, 30 de setembro de 2008

De libros, inquisidores e pedreiros


Manuel Rodriguez Alonso fai unha nova crítica no Cartafol de libros da que saco un parágrafo:
Primeiro acerto é que a vida do Imperio non se reconstrúe desde a figura dun soldado fanfarrón, como fai o académico Pérez Reverte, co seu fachendoso, machista e casticista Alatriste. O protagonista é un artesán encadernador, que ama os libros e non só o seu exterior, senón tamén o que conteñen. A través disto damos o doado salto cara ao comercio dos libros prohibidos pola Inquisición, que non obstante, os espíritos inquedos buscan, xa que entran polos portos de Noia, Baiona ou A Coruña. Mágoa que moitos dos nosos rapaces sigan tendo a visión desta etapa do Pérez Reverte e o seu casticista Alatriste, por máis que Steiner, os de Babelia, Galicia bilingüe, o Circulo Financeiro, a COPE, El Mundo… falen da superioridade da cultura en lingua castelá. A novela non presenta unha Galicia rural, foxe do tópico ruralista de Nós e mesmo cunqueireano, que tanto dano nos ten feito. Estamos ante unha Galicia urbana, de artesáns e intelectuais, que buscan as novidades bibliográfica que a Inquisición persegue. Non é unha Galicia pechada sobre si mesma e sen contacto co exterior, como pretenderon os ideólogos dos Austrias desde Filipe II, senón unha Galicia aberta cara ao exterior, a Europa, á modernidade, pero non a través de Madrid nin tan sequera do castelán, senón a través do Atlántico, dos portos de Noia, Baiona ou Vigo que comercian coa Europa progresista e que traen os novos libros da nova ciencia e da nova filosofía, que, por certo, tampouco están escritos en castelán. A novela, coa sua estrutra de novela de aprendizaxe, resulta de doada lectura. A mestura de personaxes e feitos reais cos históricos tamén é en xeral acertada e mesmo pedagóxica (o pergamiño Vindel, os mestres de obras composteláns…). A intriga do libro cos segredos dos canteiros resulta así mesmo atractiva, así como o seu desenlace. Fronte ao casticismo españolista de gabanza das empresas bélicas imperiais aparece doadamente tratado o tema da Armada Invencible e a carestía de alimentos e provisións de todo tipo que produce en Galicia. É de novo a intrahistoria, a historia miúda, fronte á gradilocuencia dos grandes feitos bélicos. A homosexualidade do protagonista permite ver a intransixencia cruel da Inquisición con este colectivo. Non falta tampouco a ironía ilustrada sobre as supersticións e está moi ben logrado neste sentido o episodio da caza do lobishome.

quarta-feira, 17 de setembro de 2008

Bruxas e prostitutas



Como na pluraridade de voces está a nosa riqueza, transcribo deseguido un anaco da crítica de AnaBande:

"A min, Festina lente, paréceme un exercicio literario encomiable se nos situamos no contexto do que podería ser unha novela didáctica que emprega o feito histórico como escusa para amosar un mundo pasado dun xeito certamente ameno e atractivo. Foi alá pola páxina vinte cando decidín mudar o meu subxectivo punto de vista e trocarme nun alumno calquera de instituto que cumpre cunha lectura recomendada do seu profesor de literatura, ou de historia. Dende aquí, conseguín chegar ao final e apreciar a riqueza léxica, a poética do texto, e o misterio da trama. Ata acadei doadamente poñerlle cara a Ambrosio, mareeime coa fedorenta atmósfera da compostela e percorrín calellas, arquivos, códices e personaxes con certo interese. Que non se vexa a miña crítica como negativa, só digo que cada cousa no seu sitio e que non nos deixemos levar polos doados camiños da doada e líquida hibridación donde todo custa o mesmo e cada vez menos, por certo, falando máis de esforzo que de maravedís ou reais de vellón."


Non concordo con algúns do seus comentarios, pero non é este lugar para estendernos, mellor estariamos no Hipólito diante dunhas cervexas co aloumiño do saxo de Coltrane, malia todo no podo deixar pasar isto:

"O papel da muller, por exemplo, non sae do tópico.Bruxa ou prostituta."

Son escritor e fago literatura, non son historiador, nin reinvindicador de causa ningunha, creo que está dentro da miña libertade escoller o sexo, o papel e as circunstancias dos meus personaxes. O papel soa tópico dende a nosa mentatalidade actual, pero a relevancia da muller na sociedade galega daquela época era bastante limitada. Sei que hai exemplos excepcionais, seino por que nalgún momento algunha escritora clandestina daquela intervía na novela, aínda que ao final se caeu, por considerer que só ela merecía unha novela que agardo escribir algún día. Na Galiza do XVII non abondaban nins as Marías Zayas nin as Ana Caro de Mallén. Isa é a verdade.




quinta-feira, 11 de setembro de 2008

O valor da historia


Así titula Eyré a súa critica de Festina lente no semanario A Nosa Terra, da que vos deixo deseguido un petisco:

"...é a novela dunha época, novela histórica elaborada cun fragmentarismo vangardista e seguidora dos discursos de misterio á moda que procuran verdades agachadas nos séculos e atinxen a toda a humanidade. Que neste caso están escritas na lingua dos arxinas, no enigamático barallete dos traballadores da pedra, ese elemento basilar, cuxo dominio inicia o progreso da humanidade. Porén, iso é o de menos, a desculpa para contar unha historia arredor dos libros, unha historia sobre as loitas polo poder, sobre a corrupción das ideas, da sociedade, da relixión, da "política". En Compostela, porque tamén é unha novela de Compostela, de Compostela, da Galiza, de España, mesmo da Europa entre o XVI e XVII. Inclusive, en certa maneira é tamén unha novela da confusión e do caos que sempre rodearon ao ser humano. Que reconstrúe con innegábel acerto diversos ambientes dos que caracterizaban a amurallada cidade xacobea. Onde a forza e acerto descritivos resultan moi salientábeis, e só se puido chegar a eles desde un coñecemento moi grande da época literaturizada. As enumeracións ( que se fan notar) transmiten tanto o concepto de exhaustividade, de riqueza, como de caos..."

quinta-feira, 4 de setembro de 2008

Libros Prohibidos

Nova achega crítica a Festina lente, desta volta por parte da escritora e crítica Laura Caveiro, no Faro da Cultura de hoxe mesmo:

“ Xa non se volven ulir da mesma maneira as rúas de Santiago de Compostela despois de ler Festina lente, de Marcos S. Calveiro (1968). Nas súas páxinas abáfanos o fedor de ouriños, de bestas e humanos, que asolagan as rúas que pisa, nos séculos XVI e XVII, o encadernador Ambrosio Cavaleiro. Fedor asemade da Inquisición, do poderoso cabido de Compostela, e das controladoras confrarías de xastres, canteiros, carniceiros e zapateiros, a vixiar movementos e pensamentos ata converter Compostela nunha cidade enferma, como cando fechaba as nove portas da muralla por mor do andazo. Nesta engaiolante novela histórica percorreremos canda Ambrosio unha viaxe de iniciación. A necesidade de saber do seu afastado pero nunca esquecido pai, lévao á descoberta do destino de quen enrolou nunha leva dos Andrade, embarcou na Coruña e afogou no desastre da Armada. Definitivamente, a procura do lugar de seu no mundo vincúlao ao encadernador Luaces, quen non só lle ensina un oficio e o peso das convencións, senón que tamén lle deixa en herdanza o seu obradoiro da rúa da Armada. Daquela, o abafante taller, con trapela no chan para agochar libros prohibidos, resulta ser o lugar de Ambrosio Cavaleiro no mundo. Lugar dende onde contemplar a vida como un ermitán, dende onde contemplar ao paxe do Deán, e soñar que tras das amadas pegadas do paxe agroma unha pradaría de lirios brancos, coma os que en pan de ouro e minio iluminaban os códices amoreados no obradoiro. Simbólicos lirios, dun paraíso inacadábel, a medrar entre as lastras da rúa da Armada, no inferno da invernía. A trama, sostida cun vizoso labor de documentación, aínda resalta máis a linguaxe de perfecta sonoridade coa que se vai debullando a intriga do códice das tres serpes, do contrabando de libros e dos crimes no mundo dos canteiros. Tan cheo de atractivo como o estilo de Marcos Calveiro semellao significado, “corre amodo”, ....”

Podedes seguir léndoa aquí.