quinta-feira, 4 de setembro de 2008

Libros Prohibidos

Nova achega crítica a Festina lente, desta volta por parte da escritora e crítica Laura Caveiro, no Faro da Cultura de hoxe mesmo:

“ Xa non se volven ulir da mesma maneira as rúas de Santiago de Compostela despois de ler Festina lente, de Marcos S. Calveiro (1968). Nas súas páxinas abáfanos o fedor de ouriños, de bestas e humanos, que asolagan as rúas que pisa, nos séculos XVI e XVII, o encadernador Ambrosio Cavaleiro. Fedor asemade da Inquisición, do poderoso cabido de Compostela, e das controladoras confrarías de xastres, canteiros, carniceiros e zapateiros, a vixiar movementos e pensamentos ata converter Compostela nunha cidade enferma, como cando fechaba as nove portas da muralla por mor do andazo. Nesta engaiolante novela histórica percorreremos canda Ambrosio unha viaxe de iniciación. A necesidade de saber do seu afastado pero nunca esquecido pai, lévao á descoberta do destino de quen enrolou nunha leva dos Andrade, embarcou na Coruña e afogou no desastre da Armada. Definitivamente, a procura do lugar de seu no mundo vincúlao ao encadernador Luaces, quen non só lle ensina un oficio e o peso das convencións, senón que tamén lle deixa en herdanza o seu obradoiro da rúa da Armada. Daquela, o abafante taller, con trapela no chan para agochar libros prohibidos, resulta ser o lugar de Ambrosio Cavaleiro no mundo. Lugar dende onde contemplar a vida como un ermitán, dende onde contemplar ao paxe do Deán, e soñar que tras das amadas pegadas do paxe agroma unha pradaría de lirios brancos, coma os que en pan de ouro e minio iluminaban os códices amoreados no obradoiro. Simbólicos lirios, dun paraíso inacadábel, a medrar entre as lastras da rúa da Armada, no inferno da invernía. A trama, sostida cun vizoso labor de documentación, aínda resalta máis a linguaxe de perfecta sonoridade coa que se vai debullando a intriga do códice das tres serpes, do contrabando de libros e dos crimes no mundo dos canteiros. Tan cheo de atractivo como o estilo de Marcos Calveiro semellao significado, “corre amodo”, ....”

Podedes seguir léndoa aquí.

2 comentários:

"o inquisidor" (con B) disse...

Queremos a película, xa !!!!
PD. Búscase productor/a con iniciativa e sobre todo cartos.
Noraboa e que A Madriña te acompañe !!!

folerpa disse...

Eu encantado, inquisidor( con b). Agardo devecido polas propostas e por un papel de extra, a ser posible como membro do cabido catedralicio por suposto.