terça-feira, 30 de setembro de 2008

De libros, inquisidores e pedreiros


Manuel Rodriguez Alonso fai unha nova crítica no Cartafol de libros da que saco un parágrafo:
Primeiro acerto é que a vida do Imperio non se reconstrúe desde a figura dun soldado fanfarrón, como fai o académico Pérez Reverte, co seu fachendoso, machista e casticista Alatriste. O protagonista é un artesán encadernador, que ama os libros e non só o seu exterior, senón tamén o que conteñen. A través disto damos o doado salto cara ao comercio dos libros prohibidos pola Inquisición, que non obstante, os espíritos inquedos buscan, xa que entran polos portos de Noia, Baiona ou A Coruña. Mágoa que moitos dos nosos rapaces sigan tendo a visión desta etapa do Pérez Reverte e o seu casticista Alatriste, por máis que Steiner, os de Babelia, Galicia bilingüe, o Circulo Financeiro, a COPE, El Mundo… falen da superioridade da cultura en lingua castelá. A novela non presenta unha Galicia rural, foxe do tópico ruralista de Nós e mesmo cunqueireano, que tanto dano nos ten feito. Estamos ante unha Galicia urbana, de artesáns e intelectuais, que buscan as novidades bibliográfica que a Inquisición persegue. Non é unha Galicia pechada sobre si mesma e sen contacto co exterior, como pretenderon os ideólogos dos Austrias desde Filipe II, senón unha Galicia aberta cara ao exterior, a Europa, á modernidade, pero non a través de Madrid nin tan sequera do castelán, senón a través do Atlántico, dos portos de Noia, Baiona ou Vigo que comercian coa Europa progresista e que traen os novos libros da nova ciencia e da nova filosofía, que, por certo, tampouco están escritos en castelán. A novela, coa sua estrutra de novela de aprendizaxe, resulta de doada lectura. A mestura de personaxes e feitos reais cos históricos tamén é en xeral acertada e mesmo pedagóxica (o pergamiño Vindel, os mestres de obras composteláns…). A intriga do libro cos segredos dos canteiros resulta así mesmo atractiva, así como o seu desenlace. Fronte ao casticismo españolista de gabanza das empresas bélicas imperiais aparece doadamente tratado o tema da Armada Invencible e a carestía de alimentos e provisións de todo tipo que produce en Galicia. É de novo a intrahistoria, a historia miúda, fronte á gradilocuencia dos grandes feitos bélicos. A homosexualidade do protagonista permite ver a intransixencia cruel da Inquisición con este colectivo. Non falta tampouco a ironía ilustrada sobre as supersticións e está moi ben logrado neste sentido o episodio da caza do lobishome.

7 comentários:

Anónimo disse...

Uma leitura de professor de língua galega con prejuízos ideológicos que desgraçadamente traze á crítica.

folerpa disse...

Anónimo, concordo no fondo ainda que non na forma e no lugar do discurso do crítico. Coñecemos a historia polo discurso do vencedores, a través desa España de sainete construida pola histografía española decimonónica. Basta con ver as recentes celebracións madrileñas da presunta guerra de indepednecia contra os franceses. Galiza era algo máis que a sociedade rural atrasada que nos pintaron. Eu quedei deslumbrado por esa Galiza real da que noon nos falaran. Eis o celme da miña novela.

arume dos piñeiros disse...

Lembre, amigo Folerpa, as fastuosas celebracións en Vigo, coordinadas pola Asociación de Veciños do Casco Vello, afín aos sectores nacionalistas, e a aposta decidida destes grupos pola celebración da Reconquista. Casticismo da casa.

Sebastián disse...

Home, eu a este crítico non lle concedería moita solvencia vendo as cousas que di doutros libros. As súas son sempre opinións moi parciais, en exceso valorativas, que xogan a compracerse no suposto poder do crítico concedendo venias e cortando cabezas. Ademais, non se percibe diálogo intelectual. Non hai vontade de establecer unha verdadeira comunicación co autor. Sonche críticos "do país", como os viños. Onde se sirva un bo Bourgogne!!!

folerpa disse...

Sebastían, non creo que haxa moita diferenza entre as críticas de aquí e as de alá, na súa inmensa maioría ou son mornas de máis ou valorativas e parciais en exceso como dis.
Respecto aos viños eu quedo cun priorato ou cun penedés.

lourixe disse...

Se alguén considera que un corrector de grallas é un crítico literario... pois vale! :-P
Canto ao atraso da Galiza, históricamente, ruralidade/urbanismo, etc, non acho que haxa que caer en extremos. Había vilas, si, pero pequenas, onde se coñecía todo o mundo. Tampouco chegaba tanta xente de fóra, e os que o facían serían detectados e "fichados" de inmediato, pola poboación local como polas autoridades.
Aínda estou comezando a lectura da novela e tentarei achegar as miñas impresións. Polo de agora estou por lle dar a razón a Ana Bande na escasa presenza de mulleres, pero tamén de "Xente do común". A disculpa de folerpa non me convence. Procurou informarse en textos contemporáneos e esqueceu recoller -ou imaxinar, xa que diso non quedou pegada- todo o que non está documentado por escrito.
Ambrosio non podía ser tan misántropo. Necesariamente tería que ter trato con augadoras, leiteiras, mozas de taberna, lavandeiras, veciñas. Alguén lle prepararía a comida e lle lavaría a roupa, ben na casa ou contratada fóra. (Seguirei noutro momento).

folerpa disse...

Lourixe,agardo as túas impresións con interese.Respecto ao casting da novela é, como non, responsbilidade miña. Eu escollín os personaxes que máis atractivos me resultaban literariamente e máis podían aportar na trama. Que quedou xente fóra , certo, pero non prtendía escribir un libro de historia, nin reinvindicar o papel feminino naqueles tempos. Só trataba de facer unha boa novela, máis nada.