quarta-feira, 17 de setembro de 2008

Bruxas e prostitutas



Como na pluraridade de voces está a nosa riqueza, transcribo deseguido un anaco da crítica de AnaBande:

"A min, Festina lente, paréceme un exercicio literario encomiable se nos situamos no contexto do que podería ser unha novela didáctica que emprega o feito histórico como escusa para amosar un mundo pasado dun xeito certamente ameno e atractivo. Foi alá pola páxina vinte cando decidín mudar o meu subxectivo punto de vista e trocarme nun alumno calquera de instituto que cumpre cunha lectura recomendada do seu profesor de literatura, ou de historia. Dende aquí, conseguín chegar ao final e apreciar a riqueza léxica, a poética do texto, e o misterio da trama. Ata acadei doadamente poñerlle cara a Ambrosio, mareeime coa fedorenta atmósfera da compostela e percorrín calellas, arquivos, códices e personaxes con certo interese. Que non se vexa a miña crítica como negativa, só digo que cada cousa no seu sitio e que non nos deixemos levar polos doados camiños da doada e líquida hibridación donde todo custa o mesmo e cada vez menos, por certo, falando máis de esforzo que de maravedís ou reais de vellón."


Non concordo con algúns do seus comentarios, pero non é este lugar para estendernos, mellor estariamos no Hipólito diante dunhas cervexas co aloumiño do saxo de Coltrane, malia todo no podo deixar pasar isto:

"O papel da muller, por exemplo, non sae do tópico.Bruxa ou prostituta."

Son escritor e fago literatura, non son historiador, nin reinvindicador de causa ningunha, creo que está dentro da miña libertade escoller o sexo, o papel e as circunstancias dos meus personaxes. O papel soa tópico dende a nosa mentatalidade actual, pero a relevancia da muller na sociedade galega daquela época era bastante limitada. Sei que hai exemplos excepcionais, seino por que nalgún momento algunha escritora clandestina daquela intervía na novela, aínda que ao final se caeu, por considerer que só ela merecía unha novela que agardo escribir algún día. Na Galiza do XVII non abondaban nins as Marías Zayas nin as Ana Caro de Mallén. Isa é a verdade.




6 comentários:

lourixe disse...

Non sei se é o espazo axeitado, e ven con algo de atraso porque aínda me enterei agora, pero doulle parabéns.

folerpa disse...

lourixe, calquera lugar é bo para felicitar a un, graciñas.

Ana Bande disse...

Concordo coa absoluta liberdade do novelista como creador, non podería ser doutro xeito. Non concordo co da inexistencia da muller como creadora, máis ben habería que falar de invisibilidade ou total marxinación da mesma e polo tanto unha obriga moral de tratar de revertir unha tendencia inxustísima dende a literatura e dende calquera outro campo da cultura. A historia tamén a fan xs que non sairán nunca na foto. Aproveito para felicitalo polo premio.

Sebastián disse...

Home, a min pareceume unha noveliña ben escrita, que demostra a presenza dunha vontade e dunha ambición literarias, mais tamén unha obra chea de limitacións, un pouquiño impostada, pouco sincera, co autor alá agochado, no final de todas as máscaras e disfraces. Todo moi ben postiño e moi agradable. Mais creo eu que lle falta adentrarse no territorio inhóspito das illas frías, eses lugares onde medra a literatura con maiúsculas, a LITERATURA. Pode que non queira, e que o seu concepto de literatura sexa este que mostra aquí. Un concepto máis dos nosos tempos. A fin de contas a quen lle interesaría unha peza de verdade, unha obra consistente, se xa as temos e non as lemos, nin as comentamos, e ninguén quere saber delas. En fin, novidade e frescura, lixeireza e frivolidade. Oh tempos de glamour!

folerpa disse...

Sebastian, eu non pretendo pasar ao parnaso literario, ou a eterndiade como pretenden outros. Eu son o meu primeiro lector e crítico e coñezo as miñas limitacións.
Quizabes é que non estou preparado para esa misión redentora que ti queres encomendarme. Como dixo aquel: que inventen outros!

Breogam disse...

A tua resposta a Sebastian reflexa o teu espiritu de picapleitos.
Reconoce publicamente que deberias sair do armario para sentirte mais feliz