quarta-feira, 10 de dezembro de 2008

Unha lectura amena e substanciosa



No ultimo número da revista Grial, Dolores Vilavedra fai unha boa crítica da novela da que entresaco estes parágrafos que teño interese en comentar:

“Libros como Festina Lente traen de novo ao debate literario a cuestión da lingua. Xulgado por certos sectores como obsoleto a valor filolóxico dos textos literarios como criterio de calidade, obras como esta son unha das poucas ocasións que a nosa literatura actual nos ofrece para gozar co noso idioma. Explotando ao máximo as posibilidades creativas que este ofrece, beireando o difícil equilibrio entre un rexistro que, sen ser arcaizante connote temporalmente a historia narrada...”

Sempre dixen que como calquera outro artesán, o escritor debe coidar das súas ferramentas. As miñas son a palabras e tento coidalas ao máximo, como o meu bisavó facía cando construía vapores no esteiro do río Covés. Penso que é a miña responsabilidade, primeiro comigo mesmo como autor e logo cos lectores.

“Quizais o afán do autor por non estender en demasía o relato explica que algúns fíos argumentais se desenvolvan con certa precariedade...”

Realmente o problema foi o contrario, como xa dixen a novela chegou a ser un polbo de xigantescos raxos e cando a tiven que servir no prato cortei de máis algúns deles. Quizabes hoxe, se tivese que montar de novo a novela, habería cousas que quedarían fóra e metería outras que se caeron no ultimo momento. Foi a miña decisión naquel intre e teño que recoñecer que nalgún caso me trabuquei.

“A construción fragmentaria do discurso xógalle ao autor algunha mala pasada ,pois fai que non repare en que os parágrafos que abren os episodios que empezan nas páxinas 225 e 237 sexan case idénticos e que ambos rematen coa mesma frase.”

No foi esta unha mala pasada, fíxeno de xeito consciente, pois nestes capítulos en que Ambrosio e Patricio Sinot conversan tentei imitar a estrutura paralelística daqueles libros de diálogos renacentistas e barrocos. Quizabes non quedou demasiado claro o xogo; outra pedra máis no meu tellado.